Sunday 28 de April de 2024

Mouriño presenta ao Conselleiro de Sanidade a súa proposta de mellora para o centro de saúde


• Durante a súa visita tamén o informou das súas intencións de ampliar a atención pediátrica

• Outra das intencións do candidato popular será ampliar as relacións entre o departamento de Servizos Sociais e os profesionais do centro de saúde

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Carral, José Luis Fernández Mouriño, estivo arropado no día de hoxe polo Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que visitou o municipio xunto ao resto da candidatura popular. Comesaña considerou todo un acerto as propostas en materia de sanidade do PP de Carral.

Mouriño trasladoulle ao Conselleiro a importancia de mellorar o centro de saúde do municipio, que na actualidade presenta unha deficiente accesibilidade e precisa dun maior espazo para os usuarios e usuarias.

Por outra banda, o candidato popular solicitoulle a ampliación do servizo de pediatría, unha demanda histórica que o titular de Sanidade entendeu perfectamente e que analizará de xeito pormenorizado.
Outra das propostas de Mouriño en materia sanitaria é a de ampliar as relacións entre o departamento de Servizos Sociais e os profesionais do centro de saúde. Neste caso, a aposta pola cesión de espazos municipais, como, por exemplo, a piscina para as terapias de rehabilitación. Unha das medidas máis inmediatas será a de abrir a zona de spa, que foi pechada polo actual goberno de Alternativa durante a súa lexislatura.